
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, supervisou esta mañá as intervencións de mellora executadas nas paradas de transporte urbano da avenida Gran Canaria e da rúa Honduras, no barrio de Labañou.
A primeira destas dúas actuacións levouse a cabo co obxectivo de suprimir un pequeno punto negro en termos de mobilidade, xa que a configuración previa da parada, dividida en dous sectores cun paso peonil encaixado entre medias, cara ao cruzamento coa rúa Honduras, restáballe visibilidade ao paso de viandantes. Isto supuxo, nalgúns momentos, accidentes e problemas de seguridade viaria.
«Para solucionalo, suprimimos o antigo paso peonil existente e creamos un novo máis adiante da parada, no cruzamento entre Gran Canaria, Honduras e Colombia. Este novo paso de viandantes é elevado, o que tamén contribúe a calmar o tráfico», precisou Díaz, quen estivo acompañada por Felisa Pérez Prada, presidenta da asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero. Pérez Prada agradeceu as melloras tanto en seguridade como en accesibilidade que supuxeron as actuacións levadas a cabo.
Aproveitando a intervención tamén se reurbanizaron os espazos públicos que hai entre a rúa Colombia e a avda. Gran Canaria, para crear un itinerario peonil acorde cos fluxos de mobilidade da veciñanza.
En paralelo, o Concello remodelou e mellorou a accesibilidade universal na parada de autobús da rúa Honduras, unha das que ten máis uso en Labañou. «É unha das 16 paradas de transporte urbano da cidade que vimos de renovar en seis barrios da cidade grazas á captación de fondos Next Generation», explicou a concelleira.