
Apatrigal reclama ao Conselleiro de Cultura que conserve o legado que o pintor surrealista deixou na Casa do Pescador
Urbano Lugrís é unha das figuras máis singulares e valiosas da arte contemporánea de Galicia, o maior impulsor do surrealismo pictórico galego.
E ten en Malpica unha das súas principais referencias, con obras con perigo de deterioración ao que se debe pór remedio. É a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) a que se puxo en marcha para evitar que se perda ese tesouro.
Indica a entidade que presidente o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto que a obra de Lugrís, de ser creada noutro contexto europeo, «situaríase sen dúbida entre as vangardas máis recoñecidas do século XX. Aínda que a súa relevancia é indiscutible, segue a ser pouco coñecido fóra do noso país e, mesmo dentro de Galicia, o seu prestixio limítase en moitos casos aos ámbitos especializados da cultura e, en particular, á cidade da Coruña».
A súa calidade xerou movementos a favor de que esta obra sexa catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), ademais de que houbo contactos entre Xunta e concellos implicados para avanzar na protección dos seus traballos.
O caso de Malpica é especial. A obra do artista consérvase na Casa do Pescador, que depende da confraría de pescadores. Hai cadros pintados sobre madeira, trípticos, mobiliario deseñado polo propio Lugrís e murais na segunda planta.
É un conxunto artístico de grande interese, «profundamente vinculado ao mar, ás lendas e ás ilusións dos mariñeiros, unha das fontes máis fértiles da súa imaxinación», sinala Apatrigal nunha carta que enviou a José Carlos López Campos, conselleiro de Cultura, para pedirlle que tome medidas de conservación e protección.
E faio porque «todo este patrimonio enfróntase a unha situación de risco». Detalla que «as pezas sobre madeira sofren unha deterioración progresiva debido á alta humidade por condensación da sala na que están expostas.
Carecen de calquera tipo de protección física, o que incrementa a súa vulnerabilidade fronte a danos accidentais ou actos de vandalismo, xa que o salón é empregado para actividades sociais e moitos usuarios descoñecen o valor incalculable destas obras». Por iso, a entidade cre que é urxente acometer a súa restauración para recuperar cores e texturas orixinais..
E, logrado iso, garantir condicións ambientais adecuadas que aseguren a súa conservación no tempo, como control de humidade, illamento do ambiente mariño, e protección física con vidros ou sistemas similares.
Pero nunca sacar as obras de onde están, advirten: esa permanencia é un valor inmaterial extraordinario: «Lugrís segue presente no seu propio contexto vital, transmitindo imaxes de mundos soñados e paisaxes míticas».
Todo isto (restauración, condicións ambientais adecuadas, medidas de conservación, revisión do mobiliario) foi trasladado a Cultura, ademais dun amplo documento elaborado por Xurxo Alfeirán que describe boa parte deste «legado vivo que forma parte da memoria colectiva do pobo».
Urbano Lugrís (A Coruña 1908, Vigo 1973) foi un pintor surrealista que traballou diferentes técnicas: murais, serigrafía, colaxes, óleo… obras con claras referencias ao mundo mariño. En Malpica, sinala a web do Concello, deixou unha pegada persoal e pictórica inesquecible.

No Bar Novo, por exemplo, onde en 1956 (o ano que vén conmemorarase o 70 aniversario) Lugrís hospedouse o tempo en que realizou a decoración da Casa do Pescador, o epicentro da súa obra.
Dada a súa plena implicación con Malpica, onde dá nome o instituto de ensino secundario (pero non ten rúa neste municipio: si noutros, como Carballo), desde Apatrigal tamén contactaron coa confraría de pescadores e co Concello para informarlles da súa petición a Cultura da restauración e protección da súa obra.
Ao patrón maior, Pedro Pérez Martelo, pídenlle que «facilite e colabore nas posibles actuacións que a consellería poida emprender neste eido», ademais de que poñan en marcha, ou estuden accións complementarias «que contribúan á conservación deste patrimonio único». E ao alcalde, Eduardo Parga, solicítanlle o mesmo: colaborar con Cultura, chegado o caso, e posta en marcha de iniciativas que poden ser interesantes ou convenientes.
E, como á Xunta, a entidade de defensa do patrimonio incide que un traslado de pezas a un museo, como mera posibilidade, hai que descartalo:
«Ese local é o idóneo para mantelas, porque ademais de compartir espazo co mobiliario deseñado polo autor, están onde os mariñeiros poden velos e desfrutalos, o que representa un importante valor emocional e contido inmaterial que, de seren trasladados, perderíase. Lugrís encerrouse aí para pintar os cadros e deseñar elementos como o mobiliario, carpintaría e vidreiras».
