
O porto de Muros acollerá este sábado, 20 de xuño, a segunda edición da Bandeira de Bateis da Deputación da Coruña, unha competición que reunirá as promesas do remo galego nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en modalidade masculina como feminina.
A proba, organizada pola Federación Galega de Remo en colaboración co Club de Remo Muros, dará comezo ás 10.30 horas coa xornada clasificatoria, mentres que as finais se disputarán a partir das 16.00 horas.
As regatas celebraranse sobre distintas distancias segundo a categoría: 500 metros para alevíns, 1.000 para infantís, 1.500 para cadetes e 2.000 metros para xuvenís e sub-23, nun formato pensado para adaptar a competición ao nivel de desenvolvemento dos deportistas.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, salientou que esta cita “é unha aposta polo deporte de base e polos clubs que manteñen viva unha tradición profundamente ligada ao mar e a Galicia, como é o remo”. Tamén destacou a elección de Muros como sede, lembrando que o ano pasado o municipio cedera o evento tras o incendio na nave do club de remo da Pobra.
Esta segunda edición está aberta aos clubs de remo da provincia da Coruña que contan con licenza federativa en vigor. Cada entidade poderá inscribir un equipo por categoría e modalidade, sendo a inscrición gratuíta e xestionada a través da plataforma federativa ata o xoves 18 de xuño ás 12.00 horas.
A competición entregará dúas Bandeiras —unha masculina e outra feminina— aos clubs con maior puntuación global, ademais de medallas de ouro, prata e bronce para as tres tripulacións máis rápidas de cada categoría.