O Quinteiro de Buño reclama o Concello de Malpica mais seguridade viaria en Buño (estradas AC-414, AC-419 e AC-422).

O pasado sábado, 18 de outubro, os veciños de Buño amencíamos coa noticia dun novo accidente de tráfico que danou gravemente o cruceiro e un vehículo estacionado ao seu carón. O suceso non sorprendeu a ninguén pois de todos é sabido que a estrada que atravesa o pobo soporta un abuso diario de exceso de velocidade e está sendo utilizada como circuíto de carreiras, sobre todo nas fins de semana. 

A Asociación de Veciños O Quinteiro de Buño denunciamos este problema ante o Concello de Malpica en varias ocasións. En maio do 2024, reunidos co Alcalde, saímos co compromiso de que se incrementaría a presencia policial e se estudaría a situación para tomar medidas que moderasen a velocidade na vía. Tres meses despois, en agosto do mesmo ano, ante a inacción do Concello e un aumento das condutas temerarias, rexistramos unha solicitude insistindo no «perigo evidente, grave e notorio». De novo, o 20 de febreiro do corrente, mantivemos outra xuntanza co Alcalde na cal lle advertimos (por terceira vez) de que o perigo para bens e persoas nas vías públicas de Buño seguía vixente e que se incrementaría na época estival; nesta ocasión amosóusenos un estudo da Policía Municipal sinalando as posibles localizacións duns pasos elevados e a previsión de que se instarían durante o verán. A día de hoxe o consistorio non executou esta nin ningunha outra medida encamiñada a incrementar a seguridade do tráfico en Buño

Os accidentes nas estradas que dan servizo a Buño son frecuentes e de gravidade; compre así lembrar só algúns deles: en abril do 2013 un accidente na rotonda da Camposa saldouse con un morto e un ferido, en decembro do 2020 un novo sinistro na zona do Empalme deixaba dous vehículos desfeitos na beirarrúa, en xuño do 2022 un mozo perdía a vida na rotonda de Canta la Rana; o ano pasado, no mesmo lugar, un accidente saldouse con dous feridos e un poste de formigón esnaquizado. Os pequenos accidentes e saídas de vía son moito máis frecuentes e, se nos remontamos máis atrás no tempo, houbo atropelos de peóns xunto ao mesmo cruceiro e tamén no Empalme.

Hoxe sabemos que, se o Concello cumprise o seu compromiso, non teríamos que lamentar a perda do patrimonio e o cruceiro seguiría no seu sitio en perfecto estado. Pero o resultado puido ser moito peor: en lugar dun cruceiro ou dun poste de formigón, a vítima podería ser vostede, o seu fillo de camiño á escola, o seu veciño máis próximo ou incluso os tres a un tempo.

Con este comunicado a Asociación de Veciños o Quinteiro quere apelar á responsabilidade dos condutores, especialmente en vías urbanas, e dar unha nova chamada de atención ao Concello de Malpica o cal parece enrocado na estratexia de fiar a seguridade dos veciños a condutores kamikazes sen o máis mínimo aprecio pola vida allea; apostar todo ao negro soe traer perniciosos resultados.