
Un home resultou ferido de gravidade tras sufrir unha caída duns catro metros de altura mentres realizaba labores de poda nunha árbore no lugar de Zapeaus, no concello de Rairiz de Veiga.
O suceso produciuse cando o home perdeu o equilibrio e precipitouse ao chan, sufrindo feridas de consideración. O servizo de emerxencias 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través dunha alerta recibida no 061.
De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou un operativo no que se solicitou a intervención da Garda Civil. Pola súa banda, o Servizo Galego de Urxencias Sanitarias-061 mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense para atender ao ferido.
Tras ser estabilizado no lugar do accidente, o home foi evacuado por vía aérea ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde permanece ingresado con prognóstico grave.