Vimianzo acollerá en xuño a quinta edición de Escora Danza

A Concelleira de Benestar, María José Pose, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, participaron hoxe na presentación da quinta edición de Escora Danza, unha iniciativa impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña que volverá converter a Costa da Morte nun escenario para a danza contemporánea e as artes do movemento.

📍Vimianzo será novamente unha das sedes deste proxecto cultural, que aposta por achegar propostas artísticas innovadoras á veciñanza, conectando cultura, territorio e comunidade a través de diferentes actividades e actuacións en espazos singulares do municipio.

Desde o Concello destacan a importancia de iniciativas coma esta para dinamizar culturalmente o rural e poñer en valor os espazos públicos e patrimoniais da contorna, ao tempo que se facilita o acceso da cidadanía a novas expresións artísticas.

A programación de Escora Danza en Vimianzo desenvolverase entre os días 1 e 12 de xuño, cun calendario de actividades que permitirá ao público gozar da creación contemporánea nun formato próximo e aberto.

Desde o Concello de Vimianzo agradeceron á Cultura da Deputación da Coruña o seu apoio e compromiso co impulso da cultura no rural, facendo posible que proxectos deste tipo continúen medrando e chegando a máis persoas.