
A Asociación Veciñal O Quinteiro de Buño organiza o vindeiro sábado 27 de xuño unha nova edición da tradicional Sardiñada de San Pedro 2026, unha cita xa consolidada no calendario festivo local que reunirá a veciños, veciñas, socios e amigos nunha noite de convivencia, gastronomía e música.
O evento desenvolverase no Parque García Alén a partir das 21:00 horas, recuperando unha tradición que cada ano congrega a numerosas persoas arredor dun dos produtos máis emblemáticos destas datas. Como sinala o refrán popular, “A sardiña en San Xoán molla o pan e en San Pedro tamén”, unha referencia que inspira esta celebración dedicada ao santo.
Os socios e socias da asociación que teñan aboada a cota correspondente ao ano 2026 poderán desfrutar gratuitamente dunha ración de sardiñas, pan e viño. Para as persoas non asociadas, a ración terá un custo de 10 euros.
A programación incluirá tamén actuacións musicais para amenizar a velada. Abrirá a noite o grupo de música tradicional Charamuscas, dirixido polo veciño Josecho, que ofrecerá un repertorio inspirado na tradición musical galega. A continuación, DJ Grovas será o encargado de poñer o broche festivo á xornada cunha sesión de música para todos os públicos.
Desde a Asociación Veciñal O Quinteiro de Buño destacan que esta actividade ten como principal obxectivo fomentar a convivencia, fortalecer os vínculos entre a veciñanza e manter vivas as tradicións populares da parroquia.
A entidade anima a toda a comunidade a participar nesta celebración, que promete unha noite de festa, boa música e o mellor ambiente no Parque García Alén.