
José Luis Calo é nomeado secretario nacional de Política Municipal e incorpórase á Executiva Nacional da formación
Oliva (Valencia), 20 de xuño de 2026. A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) celebrou esta fin de semana o seu V Congreso Nacional baixo o lema “O momento é agora. Municipalistas”, unha cita que serviu para definir a folla de ruta da organización para os próximos anos e consolidar a súa aposta polo municipalismo como principal eixo da súa acción política.
Durante a xornada desenvolvéronse diversas mesas de traballo e debate centradas na situación actual da formación, a súa expansión territorial e a preparación das próximas eleccións municipais. Representantes de distintos territorios compartiron experiencias e propostas co obxectivo de fortalecer a implantación de UCIN en todo o Estado e incrementar a súa presenza institucional.
Un dos momentos máis destacados do congreso foi a mesa redonda “Presente e Futuro de UCIN”, na que participou o coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, xunto con responsables doutros territorios. Durante o encontro analizáronse os principais retos da organización, a necesidade de reforzar as estruturas locais e o papel do municipalismo como ferramenta de transformación política e proximidade á cidadanía.
Recoñecemento ao traballo desenvolvido en Galicia
O congreso concluíu cun importante reforzo da estrutura nacional da formación. Entre os acordos adoptados destaca o nomeamento de José Luis Calo como secretario nacional de Política Municipal, pasando ademais a formar parte da Executiva Nacional de UCIN.
Este nomeamento supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido por Calo á fronte de UCIN Galicia e ao crecemento experimentado pola organización na comunidade galega nos últimos anos. Desde a súa nova responsabilidade, terá como misión coordinar e impulsar as políticas municipalistas da formación, fortalecer a relación cos cargos públicos e promover a creación de novas agrupacións locais en todo o territorio nacional.
Nova etapa de expansión e preparación electoral
UCIN inicia agora unha nova etapa marcada polo fortalecemento da súa estrutura orgánica e pola preparación das futuras eleccións municipais. A organización traballará nos próximos meses para ampliar a súa implantación territorial, incorporar novos equipos humanos e consolidar proxectos independentes nos concellos de toda España.
A dirección nacional considera que o municipalismo representa unha alternativa cada vez máis demandada pola cidadanía, baseada na xestión eficaz, na proximidade aos veciños e na defensa dos intereses locais por riba das dinámicas partidistas tradicionais.
Co impulso saído deste V Congreso Nacional e coa incorporación de José Luis Calo á Executiva Nacional como secretario nacional de Política Municipal, UCIN reforza a súa aposta por seguir medrando como referente do municipalismo independente e afrontar con garantías os retos electorais dos próximos anos.
Desde UCIN Galicia destacan que esta nova etapa permitirá incrementar o peso da comunidade galega dentro da organización nacional e contribuír activamente ao desenvolvemento dun proxecto político cada vez máis presente nos concellos de todo o país.