
O Concello de Mazaricos continúa desenvolvendo traballos de conservación e mellora da rede viaria municipal con novas actuacións de bacheo e acondicionamento en distintos puntos do municipio.
Nestes días executáronse intervencións na zona da Picaraña, na pista que comunica Cives con Colúns e tamén na Picota, co obxectivo de mellorar o estado do firme e solucionar baches que dificultaban a circulación diaria.
Concello de Mazaricos lembra que Mazaricos é un concello especialmente extenso, cunha rede de máis de 1.500 quilómetros de vías municipais e cun tránsito constante de vehículos de gran tonelaxe vinculados principalmente á actividade agrogandeira. Esta intensa utilización das pistas fai necesario un labor continuo de mantemento para garantir a seguridade viaria, a comodidade da veciñanza e o correcto desenvolvemento da actividade económica local.
Desde o goberno municipal destacan que estas pequenas actuacións teñen unha repercusión directa no día a día das persoas e das explotacións que sosteñen o territorio, permitindo mellorar os desprazamentos e conservar en mellores condicións as infraestruturas viarias.
O Concello continuará nas próximas semanas con novos traballos de conservación e mellora en diferentes puntos do municipio dentro do plan permanente de mantemento da rede viaria municipal.



