
A Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Pontedeume denuncia que os profesionais do marisqueo a flote levan cinco meses sen ingresos, unha situación que atribúe á falta de resposta da Consellería do Mar ante a crise que atravesa o banco marisqueiro da ría.
Segundo explica a entidade, a actividade permanece paralizada voluntariamente desde o pasado 15 de xuño, despois das riadas do inverno e ante a elevada mortaldade de marisco rexistrada nos bancos. A decisión, aseguran, adoptouse para protexer o escaso recurso que quedaba e evitar agravar o seu deterioro.
A confraría sitúa o inicio das xestións coa Administración o 14 de xullo, cando mantivo unha reunión coa Xunta na que presentou varias propostas para afrontar a situación. Entre elas figuraban un paro biolóxico e a realización de traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros. Porén, aseguran que daquela non recibiron respostas concretas.
En setembro, a Consellería solicitou á entidade que adiantase os mostraxes para avaliar o estado do recurso. A confraría afirma que realizou os traballos con urxencia e que os resultados confirmaron a grave situación do banco. A pesar diso, segundo a súa versión, as reunións para abordar posibles solucións non se retomaron ata outubro.
O 14 de outubro celebrouse un novo encontro en Santiago no que, segundo relata a entidade, a Xunta considerou viable a proposta de combinar un paro biolóxico con actuacións de rexeneración. Nesa reunión tamén se lles trasladou a necesidade de aprobar unha medida de adaptación do plan de explotación para poder tramitar unha resolución con carácter urxente.
A confraría asegura que cumpriu os trámites requiridos e que o pasado 20 de novembro entregou toda a documentación solicitada. Con todo, denuncia que, a día de hoxe, continúa sen recibir unha resolución por escrito, un calendario de actuacións nin resposta ás súas chamadas.
Desde a entidade consideran que esta falta de avances está a prolongar unha situación económica insostible para os profesionais do marisqueo a flote, que permanecen sen ingresos desde xuño mentres agardan por medidas que permitan recuperar os bancos e retomar a actividade.
A confraría reclama á Consellería do Mar unha resposta inmediata e solucións concretas para afrontar a crise do recurso e garantir o futuro do marisqueo na ría de Pontedeume.
