A Pereira volve quedar asolagada coas primeiras chuvias do outono e os veciños teñen dificultades para saír das súas vivendas

O BNG de Santa Comba denuncia a falta de solucións ante unhas inundacións recorrentes e reclama actuacións urxentes na AC-441 á Xunta e ao Concello.

A chegada das primeiras chuvias do outono volveu deixar ao descuberto un problema que os veciños da Pereira, en Santa Comba, levan anos sufrindo: as inundacións provocadas pola acumulación de auga, que chegan a dificultar mesmo a saída das persoas das súas propias vivendas.

A situación volve xerar preocupación entre as familias afectadas, que ven como cada episodio de precipitacións reproduce os mesmos problemas sen que, ata o momento, se adoptase unha solución definitiva.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Santa Comba denuncia a falta de actuacións e considera inadmisible que a veciñanza teña que seguir soportando as consecuencias dun problema coñecido desde hai anos.

A formación nacionalista pon o foco na estrada AC-441 e nas deficiencias do sistema de drenaxe. Neste sentido, a deputada do BNG no Parlamento galego, Saleta Chao, rexistrou iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta de Galicia intervencións urxentes, entre elas a limpeza das gabias, o desatascamento dos sumidoiros e a mellora da evacuación das augas pluviais.

Pero as críticas do BNG tamén se dirixen ao Concello de Santa Comba, ao que acusa de manter unha actitude pasiva ante as reiteradas reclamacións veciñais. A formación considera que o goberno municipal debe implicarse, actuar dentro das súas competencias e reclamar ás administracións responsables as intervencións necesarias.

Un problema que se repite ano tras ano

A situación da Pereira volve evidenciar a falta dunha resposta efectiva por parte das administracións implicadas. Para o BNG, non é aceptable que os residentes teñan que agardar a que cheguen novas inundacións para que se volva falar dun problema que leva demasiado tempo sen resolver.

A formación nacionalista reclama unha actuación coordinada entre a Xunta e o Concello para evitar novos anegamentos e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e mobilidade para as familias afectadas.

Desde o BNG lanzan unha mensaxe contundente ao goberno municipal: «Basta de escusas! O Concello ten que dar a cara e ofrecer solucións xa».