
A Consellería de Educación destinará 1,5 millóns de euros á rehabilitación integral do CPI Atios, unha importante actuación que permitirá modernizar as instalacións do centro educativo e mellorar as condicións nas que o alumnado e a comunidade educativa desenvolven a súa actividade diaria.
O proxecto contempla a substitución da cuberta, a renovación das carpinterías, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior (SATE) na envolvente do edificio, así como diversas actuacións de drenaxe. Ademais, instalaranse falsos teitos e novas luminarias LED.
Esta intervención permitirá mellorar notablemente a eficiencia enerxética do edificio, optimizar o seu acondicionamento e contribuír a crear uns espazos máis confortables, seguros e adecuados para o ensino.
Desde o Partido Popular agradecen á Xunta de Galicia este importante investimento no Concello, que supón unha aposta pola mellora das infraestruturas educativas e polo benestar do alumnado, do profesorado e do conxunto da comunidade escolar.
Unha actuación que pon de manifesto a importancia de seguir investindo na educación e na modernización dos centros públicos do municipio.
