

A Praza de Abastos de Carballo celebrou hoxe o Día dos Mercados sumándose á campaña galega “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia para poñer en valor estes espazos como referentes do comercio de proximidade, da calidade dos produtos e da dinamización económica local.
A xornada serviu tamén para presentar a programación especial de verán do Plan de Dinamización do Mercado, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Feiras e Mercados que se desenvolverá entre os meses de xuño e agosto cun amplo calendario de actividades gastronómicas, promocionais e de lecer destinadas a atraer nova clientela e premiar a fidelidade dos compradores habituais.
Os praceiros e praceiras estrearon novos mandís corporativos da campaña e repartiron bolsas promocionais entre os clientes como mostra de agradecemento polo seu apoio diario ao mercado municipal.
San Xoán abre a programación
As actividades comezarán coincidindo coas festas grandes de Carballo. O xoves 18 de xuño celebrarase a xornada “Petiscos de San Xoán”, cunha degustación gratuíta de elaboracións preparadas con produtos típicos destas datas. Os interesados poderán conseguir os vales de participación nos distintos postos da praza.
Ao día seguinte, venres 19 de xuño, terá lugar o sorteo dunha gran cesta composta por produtos frescos e de calidade doados polos comerciantes do mercado. Cada compra realizada dará dereito a un boleto para participar.
Xullo con premios e prevención
Durante todo o mes de xullo, mercar na Praza de Abastos poderá ter recompensa inmediata. Os clientes recibirán unha tarxeta tipo “rasca” con cada compra e poderán gañar agasallos pensados para o verán, como gorras, discos voadores, papaventos ou mochilas isotérmicas.
A programación incluirá tamén unha actividade de carácter divulgativo. O xoves 2 de xullo, ás 19.00 horas, a Aula Cervantes acollerá a charla “A túa pel ten memoria, protéxea cada día”, impartida por Iria Villar, técnica de prevención da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A sesión abordará medidas de prevención do cancro de pel durante as vacacións estivais.
Agosto para os amantes da gastronomía
O mes de agosto estará dedicado ás experiencias de maridaxe organizadas polo Bar Mercado, nas que os produtos da propia praza serán os protagonistas.
A primeira cita será o venres 7 de agosto, a partir das 13.00 horas, cunha cata de cervexas. Posteriormente, o venres 21 de agosto, desde as 11.00 horas, celebrarase unha cata de café.
Para participar nestas actividades será necesario obter os correspondentes boletos a través das compras realizadas nos distintos postos do mercado, agás na propia cafetería.
Con esta programación, a Concellaría de Feiras e Mercados e os profesionais da asociación A Praza continúan traballando conxuntamente para consolidar a Praza de Abastos de Carballo como un espazo vivo, moderno e participativo, convertido nun referente do consumo sostible, dos produtos de quilómetro cero e da actividade comercial na comarca de Bergantiños.