
Carballo acolleu este venres a presentación oficial de Noroeste 0 Emisións, un encontro que se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de xuño no edificio Fórum e que pretende situar á comarca como referente no debate sobre a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética e a innovación aplicada ao desenvolvemento territorial.
O acto de presentación contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o presidente de Axober, Diego Iglesias; e o presidente da Asociación Slowlight, Coque Alcázar, quen destacaron a necesidade de crear espazos de colaboración entre empresas, administracións e profesionais para impulsar un modelo económico máis sostible e competitivo.
Segundo explicou Diego Iglesias, o encontro reunirá a “axentes clave do territorio para abordar cuestións estratéxicas como a transición enerxética, os novos modelos de mobilidade e o impacto da innovación no tecido empresarial”. Pola súa banda, Daniel Pérez subliñou que esta iniciativa “amosa o compromiso firme de Carballo co futuro e coa procura de solucións reais e aplicables para avanzar cara a unha comarca máis habitable, competitiva e respectuosa co medio ambiente”.
Coque Alcázar destacou que Noroeste 0 Emisións nace coa vocación de favorecer o intercambio de coñecemento, promover sinerxías e impulsar iniciativas orientadas á redución de emisións e á mellora da eficiencia nos distintos sectores produtivos.
Tres días de reflexión, formación e experiencias
A programación arrancará o mércores 3 de xuño coa xornada “Bergantiños, Boas Noites”, centrada na valorización da noite como recurso cultural, turístico e económico. Expertos en iluminación responsable, urbanismo, turismo sostible e divulgación científica analizarán cuestións como a contaminación luminosa, o ecodeseño da iluminación pública ou o potencial do turismo astronómico na comarca.
Xa pola tarde, a atención centrarase na mobilidade eficiente e sostible, cun bloque dedicado aos sistemas de recarga para vehículos eléctricos, os combustibles renovables e a evolución do mercado do vehículo eléctrico, contando coa participación de empresas e concesionarios do sector.
O xoves 4 de xuño estará dedicado á educación e á sensibilización ambiental da infancia e da mocidade. Os máis pequenos poderán participar nos obradoiros Slowlight Kids, centrados na biodiversidade nocturna e na creatividade a través da luz e as sombras. Ademais, a mocidade terá a oportunidade de experimentar coa fotografía de longa exposición nun taller de Light Painting e participar pola noite nun paseo interactivo polo centro urbano baixo o nome “A noite das cores-Carballo”.
A última xornada, o venres 5 de xuño, abordará un dos grandes retos actuais: a eficiencia enerxética. O programa incluirá relatorios sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAES), os contratos de servizos enerxéticos, o funcionamento do mercado eléctrico OMIE, a telexestión enerxética e a rehabilitación enerxética do parque residencial español.
Exposición de vehículos eléctricos
Paralelamente ás sesións técnicas, os exteriores do Fórum Carballo acollerán durante os tres días unha exposición de vehículos eléctricos de diferentes marcas, permitindo á cidadanía coñecer de primeira man as últimas novidades en mobilidade sostible.
A iniciativa está organizada por Axober coa colaboración do Concello de Carballo, Energal, Slowlight e a Deputación da Coruña. A participación é gratuíta e aberta á veciñanza, previa inscrición a través da páxina web de Axober.
Con esta proposta, Carballo aspira a consolidarse como un espazo de referencia para o intercambio de experiencias e coñecementos arredor da sustentabilidade, a innovación e a transición cara a un modelo económico de baixas emisións.