
A sardiña e o polbo foron as dúas variedades da nosa lonxa escollidas polo chef Miguel Mosteiro para protagonizar o showcooking das V Xornadas de Pesca Artesanal ‘No Mar da Lonxa de Laxe’.
Durante a demostración, Mosteiro sorprendeu aos asistentes con dúas elaboracións nas que o produto da lonxa foi o gran protagonista. Por unha banda, preparou sardiña soasada con gazpacho de mazá áceda e pan especiado, unha proposta na que combinou o sabor intenso do peixe con matices frescos e aromáticos.
A segunda elaboración tivo como protagonista o polbo, presentado salteado con aliño asiático, crema de verduras asadas e aceite verde de herbas, unha receita que achegou novos sabores e texturas a un produto tradicional da nosa gastronomía.
As persoas asistentes puideron seguir de preto todo o proceso de elaboración e, ao remate, dar boa conta das propostas preparadas por Miguel Mosteiro, que tiveron unha excelente acollida.
Ademais, a actividade contou cun pequeno agasallo para a participante máis atenta do showcooking, poñendo o broche final a unha xornada dedicada a poñer en valor os produtos da pesca artesanal e as posibilidades gastronómicas do peixe e marisco da lonxa de Laxe.





