O Concello de Carballo denuncia novos actos de vandalismo en Razo e reclama civismo

Varias árbores recentemente plantadas apareceron partidas e un sinal reservado para persoas con mobilidade reducida foi dobrado

O Concello de Carballo denuncia novos actos de incivismo no espazo público de Razo, onde nos últimos días apareceron varias árbores novas partidas en zonas urbanizadas recentemente. Ademais, un sinal de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida foi atopado completamente dobrado.

O Goberno local considera que estes feitos non deben ser vistos como simples desperfectos, senón como danos no patrimonio público, xa que afectan elementos financiados con recursos municipais e destinados a mellorar os espazos urbanos.

Desde o Concello lembran que a plantación de árbores e a instalación de elementos de accesibilidade forman parte das actuacións destinadas a facer as rúas «máis verdes, accesibles e agradables». Salientan, ademais, que cada árbore danada debe ser repoñida e cada sinal ou elemento do mobiliario urbano estragado ten que ser reparado, o que implica destinar novamente recursos públicos a actuacións que xa foran realizadas.

«As árbores necesitan anos para medrar. A sinalización de accesibilidade cumpre unha función esencial. O espazo público é de todas e todos», sinala o Concello na súa denuncia.

O Executivo municipal fai un chamamento á colaboración cidadá e pide que calquera persoa que poida achegar información sobre os responsables destes danos o comunique ao Concello. Para iso, habilitou o teléfono 981 701 722.

Baixo a mensaxe «Coidar Carballo tamén depende de ti», o Concello reclama responsabilidade e respecto polos espazos e equipamentos públicos, especialmente aqueles que contribúen á accesibilidade e á mellora da contorna urbana.