
O Concello de Malpica de Bergantiños vén de rematar as obras de rehabilitación do parque e mellora do espazo do Campo da Festa de Santirso, unha actuación que permitiu renovar e acondicionar este espazo público para o desfrute da veciñanza.
O proxecto contou cun investimento total de **49.997,54 euros, dos cales 34.998,28 euros foron financiados pola Xunta de Galicia**, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mediante unha liña de axudas destinada á mellora dos servizos municipais. A achega autonómica representa o 70 por cento do orzamento da actuación.
Os traballos permitiron mellorar o estado do parque e do Campo da Festa, dotándoos de condicións máis adecuadas para o lecer, a convivencia e o encontro veciñal. A intervención busca, ademais, ofrecer un espazo máis acondicionado para que os nenos e nenas poidan desfrutar das instalacións.
Esta actuación pon en valor un espazo de referencia para a vida social da parroquia de Santirso e contribúe á mellora das infraestruturas e dos servizos públicos no rural.
**O apoio económico da Xunta de Galicia foi fundamental para facer realidade esta renovación**, que se enmarca na colaboración entre administracións para favorecer a modernización dos espazos municipais e mellorar a calidade de vida da cidadanía.
O Concello de Malpica continúa así impulsando actuacións de mellora nos espazos públicos das distintas parroquias, apostando por instalacións máis modernas, funcionais e adaptadas ás necesidades da veciñanza.
