Os traballos inclúen tamén unha das rúas laterais e a zona situada fronte ao Centro de Saúde, así como a renovación das redes de abastecemento e saneamento.
O Concello de Zas continúa avanzando nas obras de renovación da Praza do Concello e da súa contorna. Os traballos de colocación dos adoquíns nunha das zonas incluídas na actuación permiten comprobar a evolución dunha intervención que busca modernizar este espazo público e mellorar a súa accesibilidade e funcionalidade.
A reforma abrangue a propia praza, unha das rúas laterais e a zona situada fronte ao Centro de Saúde, onde se está a actuar tanto nos pavimentos como nas infraestruturas soterradas.
O proxecto contempla a renovación dos pavimentos e das redes de abastecemento de auga e saneamento, co obxectivo de dotar esta área do núcleo urbano de infraestruturas actualizadas e dun entorno máis cómodo, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza.
A actuación permitirá mellorar a imaxe dunha zona céntrica e de uso habitual por parte da cidadanía, ao tempo que se acondiciona o espazo para favorecer a mobilidade e o tránsito peonil.
O Concello compartiu un vídeo dos traballos realizados nos últimos días, no que se pode observar a colocación dos adoquíns nun dos treitos da reforma, que continúa avanzando.
