A Xunta investirá máis de 36.000 euros na renovación do ascensor do CEIP Milladoiro de Malpica

A deputada autonómica Belén do Campo visitou o centro educativo acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, para coñecer de primeira man a actuación, incluída no Plan Ben_Estar 2026

Malpica. A deputada da Xunta de Galicia Belén do Campo visitou o CEIP Milladoiro de Malpica acompañada polo alcalde da localidade, Eduardo Parga, para coñecer as necesidades do centro e informar sobre a próxima renovación do seu ascensor, unha actuación que contará cun investimento superior aos 36.000 euros ao abeiro do Plan Ben_Estar 2026.

A intervención permitirá mellorar a accesibilidade e a mobilidade entre as diferentes plantas do edificio mediante a instalación dun novo ascensor adaptado, que ofrecerá maiores prestacións en materia de accesibilidade e seguridade para o conxunto da comunidade educativa.

Durante a visita, Belén do Campo destacou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas educativas e coa creación de espazos máis seguros, accesibles, funcionais e sostibles. A renovación do ascensor permitirá facilitar os desprazamentos dentro do centro e dar resposta ás necesidades de alumnado, profesorado e persoal do CEIP Milladoiro.

Esta actuación forma parte do Plan Ben_Estar 2026, un programa que contempla un importante número de intervencións nos centros educativos galegos durante este verán. En total, está previsto executar 329 actuacións en centros de toda Galicia, cun investimento global de 7,2 millóns de euros.

No caso da provincia da Coruña, desenvolveranse 162 actuacións, das cales 35 corresponden á comarca de Bergantiños-Costa da Morte.

A renovación do ascensor do CEIP Milladoiro súmase así ao conxunto de actuacións destinadas a modernizar e adaptar as instalacións educativas, favorecendo que os centros dispoñan de espazos máis accesibles, seguros e adecuados para toda a comunidade educativa.