Baio pecha o ciclo expositivo de artes visuais cunha mostra de José Maynat no Centro Sociocultural

O Centro Sociocultural de Baio acolle estes días a exposición “Cores da alma”, do artista catalán José Maynat, unha proposta que pon o broche final ao actual ciclo de mostras artísticas no municipio.

A exposición, na que tamén participa o seu fillo Josep Maynat, propón un percorrido sensorial no que a cor e a sensibilidade creativa se converten nos grandes protagonistas, ofrecendo ao público unha experiencia estética íntima e evocadora.

A mostra pode visitarse de maneira gratuíta no Centro Sociocultural de Baio ata finais do mes de maio. Tras o peche desta exposición, o programa cultural municipal retomará o seu ciclo no mes de outubro con novas propostas artísticas.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, salientou a importancia de seguir achegando ao municipio “propostas artísticas de calidade” e de apostar pola cultura como motor de dinamización social, consolidando así a liña de traballo cultural desenvolvida nos últimos anos.