O PSdeG atribúe o avance da base en Cee ao compromiso do Goberno central 

O coordinador comarcal do PSdeG-PSOE Costa Atlántica, Jorge Domínguez, valorou o anuncio do Goberno de España sobre a posta en marcha dunha base do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Cee, cualificándoo como “unha demostración clara de que existe un Executivo comprometido con Galicia e coa Costa da Morte, que cumpre con feitos fronte a anos de promesas baleiras”. 

Domínguez subliñou que este avance “non é froito da casualidade, senón do traballo político serio, constante e coordinado”, e contrapuxo esta realidade “a etapas anteriores nas que abundaban os anuncios pero faltaban resultados concretos para a comarca”. 

Neste sentido, destacou o papel do municipalismo socialista no impulso do proxecto: “Este avance é tamén consecuencia das xestións realizadas desde os gobernos municipais socialistas, que traballaron con constancia, rigor e lealdade institucional para defender os intereses da comarca”. 

O responsable comarcal resaltou o labor da alcaldesa de Cee, Margot Lamela, sinalando que “foi clave para que este proxecto saíse adiante e comece hoxe a dar resultados”, ao tempo que incidiu na importancia do traballo discreto desenvolvido ao longo dos últimos meses. “Hai un traballo silencioso detrás de todo isto, que non sempre sae na prensa, pero que resulta fundamental para conseguir avances reais”, explicou. 

As xestións que permitiron avanzar neste proxecto remóntanse a comezos de ano. Xa no mes de xaneiro, a alcaldesa de Cee manifestara a súa intención de manter un primeiro encontro co delegado do Goberno en Galicia para abordar, entre outras cuestións, o futuro de infraestruturas estratéxicas na zona e explorar vías para reforzar a presenza do Estado na Costa da Morte, incluíndo a posibilidade de impulsar unha base de Vixilancia Aduaneira. 

Segundo explicou posteriormente a propia alcaldesa, mantivo varias reunións co delegado do Goberno, sendo tras o primeiro encontro cando se iniciou a tramitación para a implantación desta base en Cee, continuando despois con novos contactos de seguimento. 

Domínguez engadiu que “mentres noutros momentos predominaban os anuncios sen concreción, neste caso houbo unha estratexia de traballo constante e coordinación institucional que hoxe se traduce en feitos”. 

“Este é o exemplo de como se conseguen avances: con responsabilidade, perseveranza e unha defensa clara dos intereses da veciñanza. Fronte ao ruído e á propaganda, hoxe hai feitos”, afirmou. 

Ademais, destacou que a implantación desta base “reforza a presenza do Estado na Costa da Morte, mellora a seguridade marítima e supón un investimento estratéxico para o futuro da comarca”, incidindo en que “este tipo de decisións evidencian o compromiso do Goberno central con territorios que durante demasiado tempo foron esquecidos”. 

O coordinador comarcal recalcou finalmente que “este avance chega grazas ao compromiso firme do Goberno de España e ao traballo constante do municipalismo socialista, coa alcaldesa de Cee como peza clave”. 

Desde o PSdeG-PSOE Costa Atlántica reiteraron o seu compromiso de continuar traballando para que este proxecto se materialice no menor prazo posible, “con máis investimento, máis servizos e máis oportunidades para a cidadanía”