Buño acolle un obradoiro gratuíto sobre protección solar respectuosa co mar da man do Quinteiro de Buño

A Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño, en colaboración coa asociación Surf and Clean, organiza o vindeiro 23 de maio un obradoiro gratuíto de sensibilización sobre o coidado da pel fronte ao sol, promovendo alternativas máis respectuosas coa saúde e co ecosistema mariño.

Baixo o título “Coida a túa pel do sol… pero respectando o mar”, a actividade desenvolverase ás 12.00 horas no CAT de Buño (A Camposa) e terá unha duración aproximada de 90 minutos. O obradoiro estará impartido por David Moreno, integrante de Surf and Clean, e contará cun máximo de 10 prazas.

Durante a sesión compartirase información de dominio público sobre o impacto que os protectores solares convencionais poden ter tanto na saúde humana como no medio mariño. Ademais, partindo da experiencia persoal dos organizadores, presentaranse alternativas naturais e sostibles para a protección solar.

Como parte práctica da actividade, as persoas participantes elaborarán unha fórmula de protector solar caseiro con óxido de zinc non nano e ingredientes naturais accesibles, que poderán probar e reproducir posteriormente nos seus fogares. Desde a organización lembran que este produto non está homologado nin conta con índice de protección acreditado.

Cada participante levará tamén unha mostra de 30 gramos deste protector solar natural.

Os contidos do obradoiro abordarán temas como a situación actual dos protectores solares, alternativas saudables, elaboración caseira e accións de sensibilización cidadá para promover hábitos máis responsables co medio ambiente.

A iniciativa serve tamén para apoiar o proxecto deportivo-educativo “Aprende a través do surfing”, impulsado por Surf and Clean en colaboración coa Federación Galega de Surf, escolas locais, o Concello de Malpica, a Deputación da Coruña, Xogade, Ecovidrio e MSC pesca sostible.

A inscrición é gratuíta e debe realizarse exclusivamente por teléfono ou WhatsApp no número 686 700 766.