Cabanas organiza un roteiro contra a violencia machista en memoria de Elisa Abruñedo

A marcha circular, de 6,5 quilómetros e dificultade baixa, terá lugar este sábado con saída e chegada no Pavillón de Lavandeira

O Concello de Cabanas organizará este sábado un roteiro circular con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. A actividade, de 6,5 quilómetros e dificultade baixa, contará con varias paradas ao longo do percorrido para convidar á reflexión e visibilizar a loita contra a violencia machista.

A marcha terá como punto de saída e chegada o Pavillón de Lavandeira, onde, ao remate, as persoas participantes poderán compartir uns petiscos. A inscrición será obrigatoria e deberá formalizarse a través do correo electrónico servizos.sociais@cabanas.gal.

O roteiro estará dedicado á memoria de Elisa Abruñedo, veciña de Cabanas e vítima da violencia en 2013. A iniciativa busca lembrar a súa figura e sensibilizar sobre a importancia da prevención e da erradicación da violencia contra as mulleres.

A actividade conta coa subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e coa colaboración da Asociación de Mulleres Cabanas Rural e Euroeume.

Pleno extraordinario o xoves 19

Por outra banda, o Concello de Cabanas convocou un pleno extraordinario para este xoves 19, ás 10.30 horas. A orde do día inclúe un único punto: o expediente 1448/2026, relativo á aprobación inicial da modificación de crédito número 40/2026, na modalidade de suplemento de crédito.

A sesión será aberta ao público e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube do Concello de Cabanas.