Case tres mil persoas marchan na Laracha contra a macroplanta de biogás de Soandres

A Laracha, 9 de maio de 2026.– A vila da Laracha viviu este sábado unha das mobilizacións máis multitudinarias que se lembran nos últimos anos. Preto de tres mil persoas participaron na manifestación convocada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha para amosar o seu rexeitamento á macroplanta de biogás proxectada na parroquia de Soandres.

Baixo lemas como “Queremos aire puro, non futuro escuro”, centos de veciños e veciñas percorreron as rúas da localidade acompañados de pancartas reivindicativas e mesmo dun ataúde simbólico coa mensaxe “Morte de Soandres”, representando o impacto que, segundo denuncian, tería o proxecto sobre o modo de vida da contorna.

A protesta contou tamén coa presenza de alcaldes, asociacións e colectivos chegados desde distintos puntos de Galicia para apoiar a loita da veciñanza larachesa contra a planta promovida pola empresa Bioenergía Coruña, prevista para a zona de Vista Alegre.

Segundo denuncia a Plataforma, a instalación trataría ata 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos e afectaría directamente a arredor de 500 familias situadas nun radio de tres quilómetros. Ademais, alertan de que o proxecto contempla o vertido do equivalente a máis de 2.000 camións cisterna de residuos líquidos na cabeceira do río Anllóns, o que podería ter consecuencias ambientais para varios concellos da comarca de Bergantiños.

Ao remate da mobilización, diante do edificio do Concello da Laracha, representantes da Plataforma leron un manifesto no que insistiron en que “non estamos en contra das renovables, pero si deste modelo”. Durante a lectura advertiron dos posibles impactos ambientais, sanitarios e sociais da macroplanta e aseguraron que continuarán mobilizándose para frear a súa execución.

“Isto non remata aquí. É unha loita longa e non imos parar”, afirmaron, lembrando que o prazo de alegacións ao proxecto permanecerá aberto ata o vindeiro 26 de maio e que esgotarán “todas as vías legais e sociais” para impedir a súa construción.

A Plataforma continuará nos próximos días coa súa campaña informativa. Este domingo, ás 12:00 horas, o Casino de Carballo acollerá unha nova charla aberta á cidadanía coa participación de Laura Barral, bióloga do CICA da Universidade da Coruña; Evaristo Domínguez, do Instituto de Estudos Bergantiñáns; e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil.