
COGAMI busca persoas voluntarias con titulación PER en vigor para formar parte da tripulación do veleiro Laion, que desenvolverá travesías inclusivas pola ría de Camariñas durante o mes de setembro.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada), que promove a participación de persoas con discapacidade en actividades náuticas, favorecendo a súa autonomía e inclusión social a través da navegación.
O veleiro Laion conta cunha traxectoria singular. A embarcación foi incautada ao narcotráfico pola Audiencia Provincial no ano 2002 e posteriormente cedida en garda e custodia á asociación ADISBISMUR (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros), entidade que forma parte de COGAMI. Dende entón, converteuse nun recurso ao servizo da inclusión, permitindo que persoas con discapacidade poidan experimentar o mar en condicións de igualdade.
As persoas voluntarias que se incorporen á iniciativa formarán parte da tripulación e colaborarán tanto nas tarefas de navegación como no acompañamento das persoas participantes, achegándolles nocións básicas e contribuíndo a unha experiencia segura e enriquecedora.
O Laion, de 13 metros de eslora, está adaptado para facilitar a accesibilidade a bordo. Dispón dun guindastre na botavara que permite o embarque de persoas con mobilidade reducida e dun sistema de winche eléctrico que simplifica o control da embarcación.
As persoas interesadas poden solicitar máis información ou inscribirse a través do correo electrónico correo@cogami.gal ou no teléfono 981 574 698.


