
A dirección de Faro da Costa expresa a súa solidariedade coa masa social do Xallas Fútbol Club, pero cuestiona que a entidade se pronuncie agora sobre os perfís falsos nas redes sociais mentres, segundo o noso parecer, permaneceu en silencio ante anteriores ataques e polémicas acontecidas en Santa Comba.
O Xallas Fútbol Club emitiu un comunicado oficial no que denuncia publicamente a proliferación de perfís falsos nas redes sociais que estarían utilizando os nomes de persoas vinculadas á entidade. O club sinala especialmente o caso de Jose Manuel Pérez Gorgal, coñecido como Pichichi, afirmando que, ata o momento, terían detectado oito perfís falsos creados co seu nome ou alcume.
Segundo o comunicado do Xallas, esas contas serían utilizadas para danar a súa imaxe persoal, insultar á súa familia e atacar, por extensión, ao propio club. A entidade asegura tamén que adoptará “as medidas legais oportunas” contra as persoas responsables e pide á afección e ás familias que denuncien calquera conta que utilice indebidamente os nomes de socios, directivos ou colaboradores.
O Xallas insiste, ademais, en que como entidade deportiva non mantén ningunha vinculación con partidos políticos e que o seu único obxectivo é o deportivo e social.
Faro da Costa cuestiona o momento do comunicado
Desde Faro da Costa compartimos o rexeitamento absoluto á utilización de perfís falsos, sexa cal sexa a súa procedencia e independentemente de quen sexa a persoa ou colectivo afectado.
Porén, consideramos necesario lembrar que os problemas relacionados cos ataques nas redes sociais non son novos en Santa Comba. Desde o noso punto de vista, resulta lexítimo preguntarse por que o Xallas Fútbol Club decide pronunciarse agora con contundencia cando, en anteriores situacións nas que foron obxecto de críticas ou ataques distintos colectivos e persoas do municipio, a entidade mantivo silencio.
Entre os episodios aos que facemos referencia están situacións que afectaron a empregados públicos, organizacións sindicais, Protección Civil, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), membros da oposición e outras persoas ou colectivos.
Faro da Costa tamén considera especialmente relevante recordar a polémica xerada tras a difusión nas redes sociais dunha fotografía e de afirmacións moi graves que, segundo o medio, afectaban á directora deste xornal. Naquela ocasión, o Xallas tampouco realizou, segundo a nosa posición, un pronunciamento público similar ao que agora efectúa para defender a persoas vinculadas á entidade.
É precisamente por iso que desde este medio falamos dunha dobre vara de medir que non compartimos.
“Rexeitamos todos os perfís falsos, veñan de onde veñan”
A posición de Faro da Costa é clara: todos os perfís falsos deben ser denunciados e rexeitados, independentemente do sector, ideoloxía ou colectivo ao que pretendan favorecer ou prexudicar.
Non aceptamos que se utilicen identidades falsas para insultar, difamar ou atacar persoas, familias, entidades ou medios de comunicación.
Do mesmo xeito, consideramos que o rexeitamento debe aplicarse con independencia de quen sexa o afectado e de que lado procedan os ataques.
O club non debe pagar polos erros de determinadas persoas
Desde Faro da Costa queremos deixar claro que estas críticas non pretenden danar a imaxe do Xallas Fútbol Club nin da súa masa social.
O Xallas é unha entidade deportiva que reúne a centos de familias e conta con numerosas persoas que dedican o seu tempo de maneira altruísta ao deporte local. É precisamente por respecto a todas esas persoas, aos socios, xogadores, familias, colaboradores e directivos, polo que consideramos necesario diferenciar entre o conxunto do club e determinadas actitudes individuais.
Faro da Costa entende que a pluralidade existente no Xallas debe ser respectada e que non se pode identificar a totalidade da entidade coas decisións ou posicións que poidan adoptar determinadas persoas da súa directiva.
Tamén consideramos que a afirmación de que o club carece de calquera vinculación política debe ir acompañada dunha actitude coherente e igual para todos os sectores políticos e sociais do municipio.
Solidariedade coa masa social do Xallas
Por todo o anterior, desde Faro da Costa queremos trasladar a nosa solidariedade á masa social do Xallas Fútbol Club, aos seus socios, familias, xogadores, colaboradores e a todos aqueles directivos que desenvolvan o seu labor desde unha posición exclusivamente deportiva e sen condicionamentos políticos.
Ao mesmo tempo, reiteramos o noso rexeitamento a TODOS os perfís falsos, veñan de onde veñan, así como a calquera campaña de insultos, acoso ou difamación nas redes sociais.
O debate público pode e debe existir. As discrepancias políticas tamén. Pero deben facerse dando a cara, con argumentos e desde o respecto, non agochándose detrás de identidades falsas.
Desde Faro da Costa seguiremos defendendo ese principio, independentemente de quen sexa a persoa ou entidade afectada.