Fabiola García denuncia a “irresponsabilidade” do Goberno central na xestión dos menores de Ceuta

A conselleira de Política Social advirte de que o sistema galego de protección da infancia está “ao límite” tras acoller 150 menores no último ano

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou este mércores a “mala xestión e irresponsabilidade” do Goberno central ante a situación dos menores que permanecen en Ceuta.

Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, García puxo en valor a resposta ofrecida por Galicia nos últimos meses e destacou que a comunidade acolleu 150 menores non acompañados no último ano.

A conselleira advertiu, con todo, de que esta cifra está a poñer ao límite a capacidade do sistema galego de protección da infancia. Segundo explicou, a situación vese agravada polo que cualificou como un recorte do 82 % no financiamento achegado polo Goberno central, así como polo que considera un “trato desigual” entre as distintas comunidades autónomas.

García asegurou que Galicia mantivo unha posición de “solidariedade indiscutible” ante a chegada de menores, pero advertiu de que os recursos dispoñibles non permiten manter o actual ritmo de acollida.

Galicia xa non ten recursos para seguir acollendo menores con esta intensidade”, afirmou a conselleira, que defendeu que a situación debe abordarse desde a responsabilidade das distintas administracións.

Neste sentido, García incidiu en que a cuestión “non é de solidariedade, senón de responsabilidade”, e reclamou ao Goberno central unha xestión adecuada da situación dos menores que continúan en Ceuta, así como os recursos necesarios para garantir a súa atención e protección.