O Concello de Ponteceso reforza a seguridade viaria coa reparación dunha vía rural en Cores

O Concello de Ponteceso continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e o reforzo da seguridade viaria a través de novas actuacións na rede de estradas locais. Nesta ocasión, os traballos desenvolvéronse na parroquia de Cores, onde vén de concluír a reparación dunha vía rural.

A intervención permitiu acondicionar o firme da estrada, mellorando así a circulación e garantindo unhas condicións máis seguras tanto para os vehículos como para os veciños e veciñas da zona. Esta actuación enmárcase dentro do plan municipal de conservación e posta a punto das pistas rurais do municipio.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia de continuar investindo na mellora das comunicacións nas parroquias, sinalando que o obxectivo do Goberno local para os vindeiros meses é “manter esta liña de traballo e deixar todas as pistas rurais desta parroquia en perfectas condicións”.

Desde o executivo municipal subliñan que estas actuacións resultan fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza, facilitar os desprazamentos diarios e contribuír ao mantemento adecuado das infraestruturas no rural.