Galiza Nova reivindica en Corcubión políticas para garantir o futuro da mocidade galega

Corcubión, 20 de xullo. Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, celebrou este domingo un acto público na Praza Castelao de Corcubión, dentro da programación da VIII Semana da Patria Galega, unha iniciativa que reúne diferentes actividades promovidas pola organización nacionalista ao longo do país.

Durante a intervención abordáronse algunhas das principais dificultades que afronta a mocidade galega na actualidade. O secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, xunto con Alba Regueiro, integrante da Permanente da organización, e o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Óscar Insua, puxeron o foco na necesidade de impulsar políticas que garantan oportunidades para a xente nova.

Entre as cuestións tratadas destacaron as dificultades de acceso á vivenda, a falta de emprego digno que obriga a moitas persoas mozas a emigrar, a precariedade laboral, as deficiencias do transporte público —con rutas, frecuencias e horarios considerados insuficientes— e a carencia de infraestruturas que, segundo sinalaron, limita o desenvolvemento da Costa da Morte.

No transcurso do acto tamén se fixo un chamamento á participación nas actividades da VIII Semana da Patria Galega e, especialmente, na manifestación nacional convocada para o vindeiro 25 de xullo, ás 12.00 horas, en Santiago de Compostela.

A dimensión internacional tamén estivo presente nas intervencións. Os participantes expresaron o seu rexeitamento ás guerras imperialistas e manifestaron a súa solidariedade co pobo palestino, reivindicando o carácter internacionalista e antiimperialista do BNG. Neste contexto, puxeron en valor o papel de Galiza Nova como organización para canalizar a participación da mocidade nacionalista e contribuír á construción dun país con máis oportunidades para as novas xeracións.

Ao acto asistiron representantes do equipo de goberno do BNG en Corcubión, así como cargos orgánicos e institucionais da formación nacionalista procedentes de distintos municipios da Costa da Morte.