
Un home perdeu a vida despois de sufrir unha caída desde unha escaleira mentres traballaba nun invernadoiro situado na rúa Cabaleiros, en San Pedro de Nós, no concello de Oleiros.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia recibiu o aviso do accidente ás 21:30 horas de onte, a través do Servizo Galego de Urxencias Sanitarias-061. Na comunicación, os profesionais sanitarios solicitaron a mobilización doutros equipos de emerxencia debido á gravidade da situación, xa que a vítima quedara suspendida dun arnés tras a caída.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia activáronse os servizos de emerxencias do concello de Oleiros, así como efectivos da Garda Civil e da Policía Local.
Unha vez rescatado o traballador, o persoal sanitario iniciou as manobras de reanimación cardiopulmonar. A pesar dos esforzos realizados, non foi posible reverter a situación e finalmente confirmouse o falecemento da vítima.