
Veciños e veciñas do concello de Arteixo denunciaron publicamente o estado de abandono no que se atopa a parada de autobús de Loureda (A Queira), unha infraestrutura que, segundo sinalan, leva tempo deteriorándose de forma progresiva sen que se teña realizado ningunha intervención efectiva.
Segundo as queixas veciñais, o problema foi comunicado en varias ocasións ao Concello, que tería trasladado a responsabilidade do seu mantemento á Xunta de Galicia, indicando que a instalación é competencia autonómica. Porén, os residentes aseguran que a situación permanece sen cambios desde o ano pasado, con respostas administrativas practicamente idénticas e sen avances visibles.
As imaxes achegadas pola veciñanza amosan un estado de deterioro avanzado: estrutura inestable, cristais rotos, taboleiros arrancados ou levantados e signos claros de abandono. Esta situación, advirten, supón un risco evidente para as persoas que empregan a parada a diario.
Os veciños destacan ademais a especial sensibilidade do lugar, xa que é utilizado habitualmente por nenos e nenas que agardan o transporte escolar, así como por persoas maiores que o empregan como punto de descanso durante os seus paseos.
“Canto máis ten que deteriorarse para que alguén actúe?”, pregúntase a veciñanza, que alerta da posibilidade de que se produza un accidente se non se adoptan medidas urxentes.
Mentres continúa o cruce de competencias entre administracións, a demanda veciñal céntrase nunha actuación inmediata que garanta a seguridade e o correcto mantemento desta infraestrutura.




