Nace STOP BIOGÁS A LARACHA para esixir a cancelación do proxecto de Soandres

A Laracha, 21 de abril de 2026

Veciños e veciñas do municipio da Laracha constituíron a plataforma cidadá STOP BIOGÁS A LARACHA, co obxectivo de defender o territorio fronte ao proxecto de planta de biometano promovido na parroquia de Soandres.

Desde o colectivo deixan claro que non se opoñen ás enerxías renovables nin á transición enerxética, senón a un modelo de implantación que consideran desordenado e carente de garantías, ao pretender situar instalacións industriais de alto impacto en zonas rurais sensibles e próximas a núcleos habitados. A oposición céntrase especialmente na localización de Vista Alegre, que cualifican como incompatible coa protección do patrimonio, da auga e da calidade de vida da veciñanza.

A plataforma advirte de que o proxecto continúa en tramitación administrativa, polo que consideran “urxente” a mobilización social e institucional para lograr a súa cancelación definitiva na actual localización, ao entender que os riscos superan amplamente os posibles beneficios.

Un conflito que se repite en todo o Estado

STOP BIOGÁS A LARACHA sinala que a situación non é un caso illado, senón que conflitos semellantes están a xurdir en diferentes puntos do Estado pola instalación de plantas de biogás e tratamento de residuos orgánicos preto de vivendas e explotacións agrarias.

Neste sentido, reclaman unha regulación clara que estableza criterios como distancias mínimas respecto das vivendas, zonas de exclusión en áreas sensibles, maiores esixencias ambientais e garantías reais de participación cidadá.

Escaso impacto económico

A plataforma cuestiona tamén o retorno socioeconómico do proxecto, asegurando que a planta xeraría menos de dez empregos directos, unha cifra que consideran insuficiente fronte aos impactos previstos.

“Non se pode falar de desenvolvemento local con tan poucos postos de traballo a cambio de olores, tráfico pesado e riscos ambientais”, sinalan.

O problema do dixestato

Outro dos puntos clave da oposición é o dixestato, subproduto resultante do proceso de dixestión anaerobia. Segundo a plataforma, este material pode conter altas concentracións de nitróxeno, fósforo ou metais pesados, o que podería provocar contaminación de solos, filtracións a acuíferos e molestias por malos cheiros se se emprega como fertilizante en terreos próximos.

Principais preocupacións veciñais

Entre as cuestións máis destacadas figuran a posible afección a bens arqueolóxicos, a localización na cabeceira do río Anllóns, a proximidade a vivendas habitadas, o incremento do tráfico de camións e o impacto ambiental global do proxecto.

Chamamento á participación

A plataforma anuncia a posta en marcha de alegacións, accións informativas e mobilizacións sociais, así como medidas legais para frear a iniciativa.

Ademais, fai un chamamento á veciñanza para asistir á reunión informativa convocada polo Concello da Laracha, que terá lugar o mércores 22 de abril ás 20:00 horas na Casa da Cultura.

STOP BIOGÁS A LARACHA conclúe cunha mensaxe clara: “Non estamos contra as renovables, estamos contra un proxecto mal planificado, mal situado e con máis custos ambientais ca beneficios para o noso municipio”.