
O Partido Popular de Negreira denunciou publicamente a situación de abandono que, segundo afirman, están a sufrir varios servizos públicos do municipio ante a inacción do Concello de Negreira.
De acordo coa formación política, tanto o CEIP O Coto como o centro de saúde local levan máis de dez días sen servizo de limpeza. Esta situación estaría afectando directamente a 459 nenos e nenas, así como ao conxunto do profesorado, que se ven obrigados a desenvolver a súa actividade diaria en condicións de suciedade.
O problema, segundo explican, ten a súa orixe no impago ás traballadoras do servizo de limpeza, que levan sen cobrar desde o mes de decembro. A empresa concesionaria non estaría a facer fronte aos pagos, mentres que, sempre segundo a denuncia do Partido Popular, o Concello non estaría adoptando medidas para resolver o conflito.
A situación tamén se estende ao centro de saúde, onde as condicións serían similares, xerando preocupación entre usuarios e profesionais sanitarios.
Veciños de Negreira critican ademais a xestión municipal, lembrando que o alcalde percibe un salario anual de 46.000 euros, que —sinalan— cobra con puntualidade, en contraste coa situación das traballadoras afectadas.
Por outra banda, veciños denuncian a falta de actualización do portal de transparencia municipal, que levaría arredor de oito anos sen renovarse, o que consideran unha mostra máis da falta de control e información á cidadanía.
Ante estes feitos, o Partido Popular de Negreira e diferentes colectivos veciñais esixen unha solución inmediata que garanta tanto o cobro das traballadoras como a recuperación das condicións de hixiene nos centros públicos do municipio.