
Ante a desidia do Concello de Muxía e do Arcebispado de Santiago, que non notificaron a situación de deterioración do conxunto arquitectónico, a insistencia do BNG provoca que se inicien os traballos de redacción dun proxecto técnico para rehabilitar o muro
Costa da Morte, 29 maio de 2026. O BNG vén de conseguir que se active a restauración dun muro derruído no conxunto arquitectónico do mosteiro de San Martiño de Ozón, no municipio de Muxía. Trátase dun elemento patrimonial situado a carón do camiño de Santiago e que está invadindo parte desta vía que pertence á Prolongación Xacobea a Fisterra.
O deputado Oscar Insua levou esta cuestión este venres 28 de maio á Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, onde interpelou ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao que lle lembrou que o BNG xa rexistrara o ano pasado varias iniciativas nas que pedía ao goberno galego que realizase un estudo para avaliar canto antes as deficiencias na cuberta e muros interiores da igrexa de San Martiño de Ozón, así como a atopar unha solución para arranxar e levantar o muro derrubado ao pé do camiño xacobeo.
O director xeral informou que non recibira ningunha notificación do Concello de Muxía nin do Arcebispado de Santiago sobre a situación de deterioración do complexo arquitectónico, mais Insua recriminoulle que a iniciativa parlamentaria do BNG estaba presentada dende fai un ano, polo que estando informados na Xunta, non comprendía como non se fixera nada, nin se acometera ningunha actuación inmediata.
Oscar Insua salientou na comisión parlamentaria que foi a insistencia do BNG, traendo a responder aos responsables de patrimonio cultural do goberno galego, o que provocou que se puxeran en contacto cos responsables do Mosteiro e da Igrexa, e se reactivara este asunto e se iniciasen os traballos de redacción dun proxecto técnico para rehabilitar o muro, tal e como informou o director xeral de Cultura, que comunicou que o Arcebispado de Santiago encargou dito proxecto, e que unha vez elaborado, corresponderalle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta emitir un informe, para que logo a comisión mixta Xunta de Galiza-Igrexa aborde a reconstrución do muro derruído.
O parlamentario nacionalista puxo en valor o traballo do BNG para que se actuase na conservación de dito muro e do conxunto arquitectónico de San Martiño de Ozón.
“Alegrámonos deste anuncio e de que se vaian a tomar as medidas necesarias de rehabilitación, porque o seu estado non é o máis adecuado; a igrexa parroquial presenta deficiencias nas cubertas, o que provoca numerosas filtracións de auga que afectan ao patrimonio escultórico, artístico e bibliográfico do templo”, sinalou Insua.
O deputado do BNG engadiu que “aínda pode seguir caendo parte do muro e pode caerlle calquera día a un peregrino ou peregrina ou a un veciño ou veciña, porque está pegado ao camiño de Santiago. Precisa que se actúe canto antes, sen demora”