
A formación nacionalista reclama un servizo de transporte público de calidade que atenda tamén as necesidades da mocidade e mellore a comunicación entre as parroquias
O BNG de Arteixo denuncia que a mobilidade continúa a ser un dos principais problemas estruturais do concello e critica a falta de planificación e de traballo de fondo por parte do Goberno municipal do Partido Popular ao longo dos últimos anos.
A formación nacionalista considera especialmente necesario abordar as necesidades de transporte da mocidade, así como mellorar a comunicación entre as distintas parroquias do municipio. Neste sentido, reclama que a planificación da mobilidade non se limite ao núcleo urbano e que teña en conta tamén as persoas residentes nas zonas máis afastadas.
Desde o BNG defenden a necesidade de contar cun transporte público de calidade, accesible e adaptado ás necesidades reais da veciñanza, garantindo que todas as persoas que precisen facer uso deste servizo poidan dispoñer del en condicións axeitadas.
A organización critica que determinadas zonas do concello continúen sendo tratadas como periferia e advirte de que esta visión pode provocar que parte da veciñanza quede marxinada á hora de acceder a servizos básicos e desprazarse polo municipio.
O BNG aposta así por unha política de mobilidade que permita favorecer a comunicación parroquial, facilitar os desprazamentos da mocidade e garantir a igualdade de acceso ao transporte público, independentemente do lugar de residencia dentro de Arteixo.
A formación nacionalista considera que a mobilidade debe abordarse como unha cuestión fundamental para a cohesión territorial e social do concello e reclama ao Goberno municipal que abandone a falta de planificación e adopte medidas que dean resposta ás necesidades do conxunto da veciñanza.