
A Casa da Cultura da Laracha acollerá este sábado 26 de setembro a xornada «O biogás na Galiza: un debate necesario», organizada polo BNG, na que participarán colectivos sociais, representantes do sector enerxético, do ámbito académico e organizacións do rural.
A actividade dará comezo ás 10:00 horas coa apertura a cargo de Lucía López, responsábel de Organización do BNG, e Carolina Castiñeiras, portavoz municipal do BNG na Laracha.
A xornada estará estruturada en dúas mesas de diálogo e debate. A primeira, baixo o título «A defensa do territorio – Activismo social fronte a proxectos de biogás», contará coa participación de representantes de Stop Biogás A Laracha, Lugo non quere cheiros, Stop Biogás Agolada e Adega.
O segundo debate estará centrado nos «Modelos de desenvolvemento do biogás» e reunirá diferentes perspectivas sobre esta fonte de enerxía. Nesta mesa intervirán Xurxo López González, de Enova Enerxía; Montse Valcárcel, catedrática de Hidroloxía e deputada do BNG no Parlamento galego; Manuel Soto, de Adega; e Manuel Casal, da Federación Rural de Galiza (FRUGA).
A organización prevé tamén quendas de preguntas abertas ao público ao remate de cada unha das mesas, co obxectivo de facilitar a participación das persoas asistentes e abordar as dúbidas relacionadas cos proxectos e cos distintos modelos de desenvolvemento do biogás.
A clausura correrá a cargo de Carolina Castiñeiras e Xosé Manuel Golpe, deputado responsábel de Enerxía do BNG no Parlamento galego.
A xornada pretende así abrir un espazo de debate sobre o desenvolvemento do biogás en Galiza, poñendo en común as posicións de colectivos sociais, organizacións ambientais, representantes do sector enerxético, do ámbito académico e do rural.
