

O Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica encara a recta final da súa exposición itinerante no Centro Sociocultural de Zas, onde o público aínda pode descubrir ata o vindeiro domingo 24 de maio as obras gañadoras e finalistas desta recoñecida cita coa fotografía contemporánea.
A mostra, organizada pola Deputación da Coruña, reúne unha selección de espectaculares series fotográficas que destacan pola súa calidade artística, creatividade e capacidade narrativa, converténdose nunha oportunidade única para achegarse ás tendencias actuais da creación fotográfica.
As persoas interesadas poderán visitar a exposición en horario de mañá de luns a venres, de 9:30 a 14:00 horas. Ademais, os martes e xoves abrirá tamén en horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas.
Desde a organización animan á veciñanza e ás persoas amantes da fotografía a non deixar pasar esta última oportunidade para gozar dunha exposición que pon en valor o talento e a innovación no ámbito da imaxe contemporánea.