O BNG denuncia que a Xunta segue a negar a quenda de tarde de medicina familiar na Laracha

O deputado Oscar Insua insistiu na necesidade de establecer esa quenda, como teñen outros concellos similares, mais o xerente do Sergas manifestou un NON rotundo, ademais de rexeitar o incremento da carteira de servizos sanitarios

A Laracha, 28 de maio de 2026. O BNG denunciou que a Xunta de Galiza segue a negar a quenda de tarde de medicina familiar no centro de saúde do municipio da Laracha. Un servizo que permitiría axilizar a atención médica e reduciría os días de agarda para que a veciñanza obteña cita co médico de cabeceira, ademais de favorecer o servizo a aquelas persoas que non teñen posibilidade de acudir ao centro médico no horario de mañá.

A negativa do goberno galego quedou constatada este xoves 28 de maio na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego. O xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal, e ante a interpelación do deputado do BNG Oscar Insua, manifestou un NON rotundo a que A Laracha conte cun incremento da carteira de servizos sanitarios.

Oscar Insua reiterou a necesidade de establecer a quenda de tarde no centro de saúde larachés, e incidiu en que “os doentes da Laracha que a día de hoxe queren obter cita co seu médico teñen que agardar ata o 8 ou 9 de xuño; o PP considera que os veciños e veciñas da Laracha son de terceira, cuarta ou quinta categoría”.

O parlamentario nacionalista fixo pé no agravio comparativo, en canto a servizos sanitarios, que sofre A Laracha respecto a outros municipios galegos. Neste senso, Insua nomeou a unha ducia de concellos con poboación similar ou inferior á da Laracha que dispoñen de todos os servizos sanitarios, como traballador ou traballadora social, odontoloxía, hixiene bucodental e fisioterapia: Fene, Melide, Muros, Padrón, Pontedeume, Santa Comba, Chantada, Ribadeo, Celanova, Xinzo de Limia, Bueu e A Cañiza. 

Ademais, o deputado do BNG tamén subliñou que existen municipios con menos dos 11.500 habitantes dos que dispón A Laracha que, aínda non tendo todos os servizos sanitarios, contan con máis dos que desfruta o municipio bergantiñá. É o caso de Cee, Negreira, Ortigueira, Outes, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Porto do Son, Rianxo, Burela, Allariz, Barbadás, Caldas de Reis e Vilanova de Arousa.

Oscar Insua insistiu en que o PP da Laracha leva tempo prometendo o servizo médico de tarde. “As promesas non se van a cumprir, que non enganen máis á veciñanza”, afirmou o parlamentario, que animou ao Sergas a realizar unha consulta entre a veciñanza para saber se queren a quenda de tarde no centro de saúde. “Cando hai determinados servizos que a administración pública non é capaz de garantir, a xente acode á sanidade privada”, concluíu Insua.

O BNG lembrou que tampouco existe a posibilidade de facer trámites administrativos en horario de tarde nin no centro da Laracha nin no Consultorio de Caión, polo que incide na necesidade de establecer outra praza de persoal de servizos xerais.