O Concello de Ponteceso enviará preto de 5.000 cartas para reforzar a prevención dos incendios forestais

O Concello de Ponteceso puxo en marcha unha ampla campaña informativa co obxectivo de reforzar a prevención fronte aos incendios forestais mediante o envío de preto de 5.000 cartas dirixidas aos titulares e posibles responsables de parcelas afectadas polas obrigas legais de limpeza, mantemento e xestión da biomasa vexetal.

A través desta iniciativa, o Concello lembra á veciñanza que o prazo xeral para executar estes traballos remata o vindeiro 31 de maio de 2026, especialmente nas parcelas situadas dentro das faixas secundarias de xestión da biomasa e tamén en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia da colaboración cidadá nesta materia. “A prevención dos incendios forestais é unha responsabilidade compartida. Desde o Concello queremos actuar con tempo, facilitar información á veciñanza e favorecer que todas as persoas poidan cumprir coas súas obrigas antes da época de maior risco”, sinalou.

Desde o goberno municipal subliñan que esta campaña ten un carácter fundamentalmente preventivo e informativo, buscando reforzar a seguridade das persoas, das vivendas, das infraestruturas e dos distintos núcleos de poboación do municipio.

O executivo local agradeceu tamén a colaboración da veciñanza e lembrou que manter as parcelas en bo estado constitúe unha medida esencial para protexer o territorio e contribuír á redución do risco de incendios forestais no termo municipal.