O Futsal A Baña, á final do playoff de ascenso tras unha gran vitoria en San Vicenzo

O Futsal A Baña continúa facendo historia nesta tempada e conseguiu o pase á final do playoff de ascenso despois de impoñerse con autoridade ao Jogafan Ordes por 6-2 nun encontro vivido cun espectacular ambiente no pavillón de San Vicenzo.

O conxunto bañense mostrou a súa mellor versión nun partido intenso e moi disputado, no que soubo aproveitar as ocasións para acabar certificando unha vitoria merecida diante da súa afección. Os goles chegaron por medio de Jorge, que asinou un dobrete, Mateo, tamén con dous tantos, ademais das achegas goleadoras de Romario e Leiva.

A resposta da bancada foi outro dos grandes protagonistas da tarde. O pavillón presentou unha gran entrada e a afección empurrou ao equipo durante os corenta minutos, creando un ambiente espectacular que acompañou ao Futsal A Baña cara a esta importante clasificación.

Con este triunfo, o equipo dá un paso máis nunha tempada para lembrar e queda a un só chanzo de lograr o ansiado ascenso. Club, corpo técnico, xogadores e afección celebran agora un pase á final que recompensa o traballo e compromiso de todo o grupo ao longo do curso.