
A participación da Agrupación de Protección Civil de Rianxo nunha ruta entre Malpica e a Praia de Niñóns, correspondente ao histórico percorrido do chamado “Camiño dos Faros”, volveu abrir o debate sobre quen está realmente detrás da organización destas actividades e baixo que autorizacións se están levando a cabo.
Segundo publicou nas súas redes sociais a propia agrupación, a actividade contou coa colaboración do Concello de Rianxo e desenvolveuse ao longo de arredor de 22 quilómetros pola Costa da Morte. Protección Civil asegura que realizou tarefas de apoio loxístico, prevención e acompañamento para garantir a seguridade das persoas participantes.
Porén, a polémica xorde porque a asociación “O Camiño dos Faros” anunciou publicamente no ano 2020 que deixaba de ser promotora da ruta e que tamén abandonaba calquera responsabilidade sobre a súa homologación, mantemento, sinalización ou organización.
Naquel comunicado, a entidade afirmaba literalmente:
“Queremos dejar claro que la asociación no es responsable del camino y, por lo tanto, no se hace cargo de nada de lo que pudiese suceder a los miles de senderistas que cada año hacen este recorrido”.
Tamén anunciaban que desistían da homologación como Ruta de Gran Recorrido e que deixaban de encargarse do mantemento do trazado.
Ante esta situación, diferentes voces pregúntanse agora quen organizou realmente esta nova actividade de sendeirismo e baixo que cobertura administrativa se desenvolveu. As dúbidas aumentan tendo en conta que actualmente é a Xunta de Galicia quen impulsa o chamado “Camiño do Litoral”, presentado como alternativa institucional e sucesora destas rutas costeiras.
Tamén se cuestiona que administracións locais prestaron apoio ou colaboración ao evento e se existiu coordinación coa planificación oficial promovida pola Xunta.
A isto súmanse críticas históricas cara á antiga asociación promotora, á que algúns participantes acusaban de manter dinámicas excluíntes e de apartar persoas con opinións diferentes dentro do movemento vinculado ao sendeirismo da Costa da Morte.
Por agora non transcendeu quen asumiu formalmente a responsabilidade organizativa da ruta nin se a actividade contou con autorizacións específicas dos distintos organismos implicados.
O debate continúa aberto entre quen defenden a recuperación popular do percorrido histórico e quen consideran que este tipo de actividades deberían desenvolverse unicamente dentro do marco institucional e oficial do novo proxecto autonómico do Camiño do Litoral.