O PSdeG de Malpica critica a cancelación das Festas do Mar e acusa o goberno local de falta de planificación

Os socialistas lamentan que o municipio quede por segunda vez en tres anos sen unha das súas celebracións máis emblemáticas e reclaman ao Concello maior capacidade de organización

O PSdeG-PSOE de Malpica mostrou a súa preocupación pola decisión do goberno municipal de non celebrar este ano as Festas do Mar, unha decisión confirmada polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, no pleno ordinario celebrado este xoves.

Trátase da segunda ocasión en apenas tres anos na que Malpica queda sen esta celebración, despois da cancelación das festas en 2024. Para os socialistas, a ausencia deste evento supón a perda dunha das citas máis representativas do calendario festivo do municipio, tanto pola súa importancia para a veciñanza como polo seu atractivo para as numerosas persoas que visitan Malpica durante o verán.

Segundo explicou o alcalde no pleno, a entidade que colaboraba na organización das Festas do Mar comunicou con pouca antelación que este ano non podía asumir esa responsabilidade. Ante esta situación, o goberno municipal considera que xa non dispón de tempo suficiente para organizar a celebración e optará por substituíla por dúas sesións vermú.

O PSdeG cuestiona esta explicación e considera que o Concello debería asumir un papel máis activo na organización dun evento desta relevancia. “Un goberno non pode converter en costume escudarse en que a responsabilidade é sempre doutros”, sinalan os socialistas.

A formación considera que a celebración das Festas do Mar non pode depender exclusivamente da dispoñibilidade dunha asociación ou entidade colaboradora. Ao seu xuízo, corresponde ao executivo municipal liderar a organización, coordinar os diferentes axentes implicados, planificar con antelación e buscar alternativas cando xurdan imprevistos.

As Festas do Mar son moito máis ca un programa de actividades. Son un punto de encontro para a veciñanza, un impulso para a hostalaría, o comercio local e o turismo e, sobre todo, forman parte do sentimento colectivo de Malpica”, destacan desde o PSdeG.

Os socialistas advirten, ademais, de que a cancelación das festas non constitúe un feito illado. Na súa opinión, nos últimos anos o municipio foi perdendo outras actividades e iniciativas de relevancia, entre elas o Nordestazo Rock, a tradicional Procesión de Semana Santa ou a subvención da Deputación para a Mostra da Olería, dotada con 100.000 euros.

Para o PSdeG de Malpica, esta sucesión de perdas “evidencia a falta de planificación e de capacidade de xestión do goberno municipal” e ten consecuencias negativas para a dinamización social, cultural e económica do concello.

A formación socialista reclama así ao goberno local unha maior capacidade de anticipación e xestión para evitar que outras iniciativas de interese para o municipio corran a mesma sorte.

Malpica merece un Concello que planifique, que reaccione e que traballe para conservar e potenciar o patrimonio cultural, festivo e social, en lugar de resignarse a velo desaparecer”, conclúen desde o PSdeG.