

Carballo. Veciños de Carballo amosan a súa preocupación polo estado dalgúns tramos do río, onde denuncian a presenza de abundante maleza e vexetación sen limpar.
Os residentes preguntan ao Concello de Carballo onde está previsto o mantemento dos ríos e reclaman que este tipo de actuacións se realicen con antelación, especialmente durante os meses de verán.
Segundo sinalan, realizar os traballos de limpeza e mantemento nesta época permitiría previr posibles problemas durante o outono e o inverno, cando as fortes choivas poden provocar un aumento do caudal e favorecer desbordamentos ou outras incidencias.
“Sería de agradecer facer estes mantementos no verán para evitar incidentes no inverno coas chuvias. A prevención comeza así”, sinalan os veciños.
Os residentes consideran que a prevención debe ser unha prioridade durante todo o ano. Do mesmo xeito que se reclama o mantemento e limpeza dos montes antes da chegada do verán para reducir o risco de incendios, tamén consideran necesario actuar nos ríos antes da época de maiores precipitacións.
Neste sentido, reclaman ao Concello unha maior planificación dos traballos de limpeza e conservación, evitando que as actuacións se realicen unicamente cando xa xurdiu o problema.
Os veciños lembran, ademais, que a actividade municipal debe atender tamén ás necesidades básicas de mantemento e conservación dos espazos públicos e naturais.
“Non todo son festas”, sinalan, reclamando que a prevención e o mantemento formen parte das prioridades municipais.
Agora agardan que o Concello tome nota da situación e acometa os traballos necesarios antes da chegada da época de choivas, evitando así posibles incidencias e actuando desde a prevención.