O PSdeG-PSOE da Laracha acusa ao PP de facer unha “RPT pantasma” e de recorrer ao remanente por falta de planificación

A Laracha, 31 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista da Laracha cargou contra a xestión do goberno local do Partido Popular no último pleno, centrando as súas críticas na modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e na utilización de máis dun millón de euros do remanente de tesouraría para financiar diferentes actuacións municipais.

A voceira socialista, Inés Ramos, cualificou a reforma da RPT como unha “trampa” e asegurou que chega despois de 17 anos sen unha actualización integral da estrutura de persoal do Concello. Segundo denunciou, a proposta presentada polo executivo popular incorpora novas prazas que, na súa maioría, están condicionadas por unha cláusula suspensiva, polo que carecen de dotación económica para o exercicio 2026.

“Traen á Laracha unha RPT pantasma; venden no papel o que non van pagar hoxe”, afirmou Ramos, quen sostén que crear postos sen financiamento inmediato “non resolve as necesidades da veciñanza nin a falta de persoal en servizos clave, senón que responde a unha operación de propaganda”.

A portavoz do PSdeG-PSOE fixo especial referencia á situación da Policía Local e dos Servizos Sociais, ámbitos nos que, ao seu xuízo, existe un déficit estrutural de persoal que “non pode solucionarse con anuncios sen respaldo económico”.

Críticas ao uso do remanente

O grupo socialista tamén cuestionou a decisión do goberno municipal de empregar máis dun millón de euros do remanente de tesouraría para financiar investimentos que, segundo considera, deberían estar previstos no orzamento ordinario.

Para Inés Ramos, manter esa cantidade inmobilizada mentres existen necesidades pendentes no municipio evidencia unha deficiente planificación económica. “Ter un millón no banco mentres A Laracha ten necesidades urxentes en servizos básicos non é aforrar; é ter os deberes sen facer”, afirmou.

Na súa opinión, o recurso ao remanente responde á incapacidade do executivo local para executar o orzamento en tempo e forma, polo que considera que as actuacións anunciadas constitúen “parches e arranxos illados” orientados a obter rendemento político, sen abordar os problemas estruturais do concello.

Chamamento á planificación

Como conclusión, a voceira socialista reclamou un modelo de xestión baseado na planificación e na transparencia. “A Laracha non precisa un goberno que viva de facer promesas no papel e de tirar da hucha a última hora; precisa planificación, transparencia e servizos públicos reais dende o primeiro día do ano”, concluíu.