
Os socialistas aseguran que o seu voto contrario ao POS responde á falta de información e diálogo previo por parte do goberno do BNG
O PSdeG-PSOE de Corcubión quixo saír ao paso das críticas do goberno local e deixar claro que o seu voto contrario ao último POS non supón, en ningún caso, unha oposición á apertura do centro de día. Os socialistas aseguran que o desacordo está relacionado coa maneira na que o goberno do BNG levou a cabo o proceso e coa súa forma de gobernar nun escenario de minoría.
«Nunca estivemos en contra do centro de día», sosteñen desde o PSdeG-PSOE, que consideran que tentar trasladar á veciñanza esa idea supón «desviar o verdadeiro motivo» da súa decisión.
Segundo explican os socialistas, este foi o primeiro POS ao que votaron en contra despois de facilitar durante a lexislatura a aprobación daquelas propostas que consideraron positivas para Corcubión. «Colaborar non significa dar un cheque en branco», sinalan.
O PSdeG-PSOE considera que, ao non contar o BNG con maioría absoluta, o goberno debería buscar previamente o diálogo coa oposición, especialmente cando necesita os seus votos para sacar adiante determinadas iniciativas. «O lóxico é informar, falar e negociar antes de chegar ao pleno, e non actuar como se contase cunha maioría que os veciños e veciñas non lle deron», apuntan.
Críticas á falta de diálogo previo
Un dos principais argumentos dos socialistas céntrase na información facilitada sobre o centro de día. A formación asegura que «boa parte das explicacións» chegaron despois de que o PSdeG-PSOE xa manifestase as súas dúbidas e fixese público o seu voto contrario.
Desde o partido consideran que, se esas explicacións e o diálogo se producisen con anterioridade, «probablemente a situación sería moi diferente». Para os socialistas, non é coherente reclamar responsabilidade á oposición á hora de votar e, ao mesmo tempo, non facilitar previamente a información necesaria para adoptar unha decisión.
O PSdeG-PSOE tamén critica as posteriores comunicacións públicas do BNG, ao considerar que intentan presentar aos socialistas como contrarios ao centro de día. «En lugar de recoñecer que a forma de levar o asunto podía ter sido mellor», lamentan.
«Non queremos entrar nunha dinámica de confrontación»
Os socialistas aseguran ademais que, no diálogo posterior, houbo membros do propio BNG que mantiveron unha actitude «máis construtiva» e que parecían comprender os erros cometidos na xestión do asunto. Porén, critican que posteriormente as comunicacións públicas do goberno adoptasen, ao seu xuízo, unha posición «moito máis combativa».
O PSdeG-PSOE afirma que non pretende entrar nesa dinámica de confrontación e insiste en que o seu obxectivo é que o centro de día «abra e funcione canto antes».
Ao mesmo tempo, reclama un cambio na maneira de gobernar do executivo local. «Queremos que un goberno en minoría entenda que gobernar significa dialogar, informar, negociar e buscar acordos», sinalan.
Os socialistas conclúen que o centro de día non é o motivo da súa discrepancia co goberno local: «O problema nunca foi o centro de día. O problema é querer gobernar en minoría como se se tivese maioría absoluta».