
Vimianzo, 15 de xuño de 2026. O BNG de Vimianzo abstívose na última sesión plenaria na votación da proposta do goberno municipal para o reparto dos fondos do POS da Deputación da Coruña . A formación nacionalista critica que arredor do 90 por cento dos fondos se destinen a gasto corrente e apenas un 10 por cento a obras e investimentos, nun municipio que continúa precisando actuacións importantes na rede viaria, nos saneamentos e nas infraestruturas municipais.
Para o BNG, esta decisión apunta a unha estratexia baseada en pequenas demandas puntuais e improvisadas, fronte a proxectos estruturais que contribúan a desenvolver o concelllo e a correxir a desigualdade entre parroquias.
Ademais, os nacionalistas advirten de que boa parte destas actuacións se executarán mediante contratos “a dedo”, polo que consideran imprescindible un seguimento rigoroso dos fondos para garantir a máxima transparencia e o respecto aos principios de igualdade e concorrencia na contratación pública.
Noutra orde de cuestións, durante o pleno os nacionalistas volveron insistir na necesidade de que o goberno municipal acometa actuacións urxentes de mellora e mantemento en beirarrúas e vías de Vilaseco, Ogas e Areosa-Salto, que presentan un estado deficiente e requiren intervencións para garantir a seguridade e a correcta mobilidade da veciñanza.