O PSOE de Arteixo reclama unha ordenanza de mobilidade ante a falta de regulación dos patinetes e bicicletas

Os socialistas denuncian “inseguridade viaria e confusión” polo baleiro normativo e critican a falta de carrís bici nas actuacións municipais

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo instou o Goberno local do Partido Popular a abandonar, ao seu xuízo, a “propaganda sobre mobilidade sostible” e a poñerse a traballar de maneira urxente na elaboración dunha ordenanza municipal de mobilidade.

A formación socialista alerta da “inseguridade viaria e a confusión” que está a provocar a ausencia dunha regulación específica para os novos vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos e as bicicletas, especialmente no relativo á súa circulación polas beirarrúas e polas vías do municipio.

O PSOE reprocha ao alcalde, Carlos Calvelo, que presuma do uso de transportes de baixas emisións mentres, segundo denuncian, Arteixo continúa “na retagarda da comarca”, sen unha normativa clara que protexa os peóns e sen infraestruturas adaptadas e seguras para as persoas usuarias da bicicleta e dos patinetes.

O voceiro socialista, Martín Seco, asegura que a maioría dos concellos da contorna xa aprobaron ordenanzas específicas para regular a mobilidade dos VMP, establecendo aspectos como as vías polas que poden circular os patinetes, os límites de velocidade, o uso obrigatorio do casco ou os espazos habilitados para o seu estacionamento.

Segundo o PSOE, en Arteixo o Goberno municipal do PP estaría facendo “oído xordo” ás reiteradas advertencias formuladas pola oposición para abordar esta cuestión.

Críticas á falta de carrís bici

Á falta de regulación, os socialistas engaden a súa crítica pola “falta de proxecto e planificación” nas obras públicas municipais. Como exemplo, o grupo contrapón a recente actuación da Xunta de Galicia no tramo entre Candame e Lañas, que contempla a creación dun carril bici xunto ás beirarrúas, coa ausencia, segundo denuncian, de actuacións similares por parte do Concello.

“Na mesma estrada AC-552, tanto no tramo de entrada a Arteixo desde Candame como no seguinte treito cara a Lañas, non existe ningún tipo de carril bici”, sinalou Martín Seco.

O voceiro socialista cuestiona ademais os proxectos municipais previstos para ampliar a rede ciclista do concello. “O máis grave é que nas obras que dependen e financia directamente o Concello de Arteixo non vemos que se cree nin un só metro de carril bici propio. Cantos proxectos ten previstos a día de hoxe o Goberno municipal para a creación de novos traxectos e redes de carril bici no concello de Arteixo? Non se sabe”, denunciou.

Para o PSOE, a aposta pola mobilidade sostible debe traducirse en medidas concretas, tanto no ámbito normativo como no das infraestruturas.

“Non se poden facer fotos falando de sustentabilidade e despois ter as rúas sen un só metro de carril bici municipal e sen normas para os patinetes eléctricos”, afirmou Seco. O socialista reclamou ao Goberno local que impulse “seguridade, conexións reais e unha ordenanza de mobilidade moderna”, fronte ao que cualificou de “fume e falso ecoloxismo por parte do PP”.