
O PSOE de Malpica reclama unha actuación máis coidada e profesional nun espazo tradicional que, segundo sinalan, levaba anos precisando unha renovación.
Desde o PSOE de Malpica consideran necesaria a intervención realizada no lavadoiro, pero cuestionan tanto o método empregado como o resultado final dos traballos.
«Este río necesitaba unha renovación desde fai anos. Certo é. Pero, quizais e só quizais, a cousa debería ser máis profesional e máis axeitada para un lavadoiro tradicional», sinalan desde a formación socialista.
Segundo a súa valoración, unha actuación máis axeitada podería ter incluído unha limpeza específica dos graffitis sobre formigón, a reparación das fendas, a aplicación dun acabado mineral branco e transpirable e un tratamento transparente antigrafitis que permitise protexer posteriormente a superficie.
O PSOE considera que, a xulgar polo resultado visible, podería terse optado simplemente pola aplicación dunha capa de pintura sobre as paredes, sen unha eliminación previa suficientemente coidada das pintadas. Tamén critica o acabado en esquinas e nas zonas próximas á auga, que consideran pouco adecuado para as características dun lavadoiro tradicional.
«Quizais e só quizais, o traballo debería estar feito con máis cariño», apunta a formación.
Os socialistas cuestionan ademais a responsabilidade política sobre a actuación e preguntan se os traballos contaron coa aprobación do Goberno municipal do PP e se o executivo está satisfeito co resultado final.
O PSOE reclama así unha maior atención á conservación dos elementos tradicionais do municipio e defende que este tipo de intervencións deberían realizarse respectando tanto as características dos espazos como os materiais máis axeitados para a súa conservación.












