
Culleredo. Usuarios do paseo das Xesteiras, en Celas de Peiro, denuncian o estado de abandono e falta de mantemento dunha das pasarelas situadas neste fermoso entorno.
Segundo sinalan, o deterioro da infraestrutura pode representar un perigo para as persoas que utilizan este percorrido, especialmente para aquelas que circulan en bicicleta ou practican running, así como para quen simplemente desfruta dun paseo pola zona.
«Que pena que un entorno tan bonito estea así de descoidado», lamentan os usuarios, que reclaman unha actuación para reparar e acondicionar a pasarela e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade.
Os veciños consideran necesario prestar maior atención ao mantemento deste espazo, moi utilizado para o paseo e a práctica deportiva, e evitar que o deterioro continúe avanzando.



