Óscar Insua leva ao Parlamento a defensa do emprego e da actividade industrial vinculada ás concesións do Xallas

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, levará este venres 29 de maio á Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galiza unha pregunta relativa ao mantemento do emprego e da actividade industrial vinculados ás concesións hidroeléctricas do río Xallas, así como á posición do Goberno galego diante das actuacións da empresa Xeal.

O parlamentario nacionalista interesarase polas medidas e actuacións que pensa adoptar a Xunta para garantir a continuidade dos postos de traballo e da actividade industrial na comarca, nun contexto marcado pola preocupación social e laboral arredor do futuro das concesións hidroeléctricas e da xestión realizada pola compañía.

Desde o BNG sinalan a importancia estratéxica do complexo industrial e enerxético do Xallas para a economía da Costa da Morte e Bergantiños, tanto polo impacto no emprego directo e indirecto como polo papel que desempeña no tecido produtivo da zona.

Óscar Insua reclamará ao Executivo galego “claridade e compromiso” na defensa dos intereses da comarca, incidindo na necesidade de garantir que os recursos naturais e as concesións hidroeléctricas revertan en beneficio do territorio, do emprego e da actividade industrial.

A pregunta será debatida na sesión da Comisión de Industria prevista para este venres no Parlamento galego.